webquest

aulas

sala

obradoiro

biblioteca



Inicio


O sistema solar
O Sol
Os planetas
  Mercurio
  Venus
  A Terra
    A Lúa
  Marte
  Xúpiter
  Saturno
  Urano
  Neptuno
  Plutón
Asteroides
Cometas
Meteoritos
A exploración
  Cercana
  Distante
  Outros
  Telescopios
  E.S.A.

Saturno

Saturno é o segundo planeta máis grande do Sistema Solar e o único con aneis visíbeis desde a Terra. Está moi achatado nos polos debido á rápida rotación.

A atmosfera é de hidróxeno, cun pouco de helio e metano. É o único planeta que ten unha densidade menor que a auga. Se encontrásemos un océano suficientemente grande, Saturno frotaría.

A cor amarela das nubes ten bandas doutras cores, como Xúpiter, pero non tan marcadas. Perto do ecuador o vento sopra a 500 km/h.

Os aneis danlle un aspecto moi bonito. Ten dous brillantes, A e B, e un máis suave, o C. Entre eles hai aberturas. A maior é a División de Cassini.

Cada anel principal está formado por moitos aneis estreitos. A súa composición é dubidosa, pero sabemos que conteñen auga. Poderían ser icebergs ou bolas de neve, mesturadas con po.

En 1850, o astrónomo Edouard Roche estudaba o efecto da gravidade dos planetas sobre os seus satélites, e calculou que, calquera materia situada a menos de 2,44 veces o radio do planeta, non se podería aglutinar para formar un corpo, e, se xa estivese formado, tal corpo quebraría.

O anel interior de Saturno, C, está a 1,28 veces o radio, e o exterior, o A, a 2,27. Os dous están dentro do límite de Roche, pero a súa orixe aínda non está determinada. Coa materia que conteñen poderíase formar unha esfera dun tamaño semellante ó da Lúa.

 

Datos sobre Saturno A Terra
Tamaño: radio ecuatorial 60.268 km. 6.378 km.
Distancia media ao Sol 1.429.400.000 km. 149.600.000 km.
Día: período de rotación sobre o eixe 10,23 horas 23,93 horas
Ano: órbita ao redor do Sol 29,46 anos 1 ano
Temperatura media superficial -125 º C 15 º C
Gravidade superficial non ecuador 9,05 m/s2 9,78 m/s2

A lúas de Saturno

Saturno ten, oficialmente, 18 satélites. É o planeta que ten máis. As recentes observacións a través do Telescopio Espacial Hubble (HST) e as fotografías enviadas polo Voyager mostraron catro ou cinco corpos máis arredor do planeta que poderían ser novas lúas, pero isto aínda non está confirmado.

A densidade dos satélites de Saturno é moi baixa e, ademais, reflicten moita luz. Isto fai pensar que a materia máis abundante é a auga conxelada, case un 70%, e o resto son rochas.

Titán

É o satélite máis grande de Saturno e o segundo do Sistema Solar, cun diámetro de 5.150 km. Ten una atmosfera máis densa que a da Terra, formada por nitróxeno e hidrocarburos que lle dan unha cor laranxa. Vira ao redor do planeta a 1.222.000 km., en pouco menos de 16 días.

Rea

Ten 1.530 km. de diámetro e xira a 527.000 km. de Saturno cada catro días e medio. Ten un pequeno núcleo rochoso. O resto é un océano de auga xelada, con temperaturas que van dos 174 aos 220 ºC baixo cero. Os cráteres provocados polos meteoritos duran pouco, porque a auga volve a xelarse e bórraos.

Iapeto

É unha das lúas máis estrañas. Ten una densidade semellante á de Rea, pero o seu aspecto é moi diferente, porque ten unha cara escura e outra clara. A cara escura é, probabelmente, material dun vello meteorito. O seu diámetro é de 1.435 km. e vira moi lonxe, a 3.561.000 km. de Saturno en 79 días e un tercio.


Dione e Tetis

As outras dúas grandes lúas teñen órbitas próximas e tamaños similares. Dione, á esquerda, ten 1.120 km. de diámetro, mentres que Tetis, á dereita, ten 1.048. A primeira xira a 377.000 km. e a segunda a 295.000 km.




www.edugaliza.org