![]() |
|
|
Basicamente para comunicar varios ordenadores son precisas unhas pezas especializadas na comunicación entre máquinas; algo así como o micrófono do teléfono que converte o son da nosa voz en impulsos eléctricos que viaxan pola liña para seren convertidos de novo en son no auricular do outro extremo (a tarxeta de rede dun ordenador fai o traballo de localizar a tarxeta destino e envíalle a información que esta segunda traduce ao ordenador no que está instalada).
As manipulacións que se detallan a continuación son simplemente un conxunto de receitas e consellos fruto da experiencia. Por suposto o autor non asume ningunha responsabilidade sobre os resultados ou posíbeis averías que se poidan causar. Comezaremos por abrir a caixa do ordenador (evidentemente despois de apagado e desconectado, os expertos recomendan tamén tocar previamente coas mans algún obxecto metálico que poida servir de terra para fugar a estática) para ver o tipo de conectores cos que conta a máquina. As tarxetas (non só as de rede, tamén as de son, de vídeo, controladores scsi, módems,...) insérense nuns conectores rectangulares longos que a placa base (a plancha de circuítos máis grande dentro da caixa) ten nun lateral ou nunha esquina.
Estes conectores acostuman estar visíbeis ao abrir a caixa, pois se ben algunhas zonas do interior están repletas de mecanismos, a zona dos conectores de expansión acostuma a deixarse libre precisamente para instalar tarxetas, e sempre se colocan formando ángulo recto co lateral da caixa onde se encontran os ocos de saída ao exterior (normalmente tapados cunhas placas que se poden retirar). Os conectores da placa actualmente acostuman ser dun tipo estándar denominado PCI, se ben en placas antigas poden aparecer conectores antigos de tipo ISA
Conector ISA (cor negra) Conector PCI (cor branca) Poden aparecer outros conectores en placas máis recentes, como os AGP para tarxetas de vídeo ou variantes aínda máis modernas, a maneira de recoñecelos neste caso será polo número. É normal que aparezan varios PCI (dous polo menos) mentres que os demais serán únicos. Teremos que buscar tarxetas ISA ou PCI en función das conexións que teñamos nos equipos. Son ambas produtos baratos, coa única salvidade de que cada día é máis difícil encontrar tarxetas ISA, xa que desapareceron do mercado de equipos novos e unicamente en servicios técnicos ou procedentes de reciclado se poden encontrar. Máis recentemente apareceu unha versión Ethernet 1000, a un Gbyte de velocidade. Seguramente os equipos máis recentes portarán xa este novo sistema, pero que segue a ser compatíbel con todo o anterior (evidentemente adaptándose á velocidade do máis lento). Nas tarxetas non é necesario investir. Mesmo tarxetas sen marca e de prezo reducido darán calidade dabonda para unha pequena rede. En caso de avería tamén se poderán substituír por poucos cartos, e mesmo coa velocidade de 10 Mbyte a rede será suficientemente eficiente para as necesidades dun colexio.
Coa caixa aberta e localizados os conectores podemos comezar a instalar as tarxetas. Podemos empregar calquera dos conectores que estexan dispoñíbeis, o ordenador localizará automaticamente onde se fixo a conexión se terllo que dicir. Ás veces, e por razóns que tecnicamente non teñen explicación, algún equipo rexeita unha tarxeta non recoñecéndoa somente por estar inserida nun determinado conector, así que se xurdira algún problema posterior, unha boa saída pode ser cambiala de conector. Hai que retirar a placa metálica do lateral da caixa (hai placas feitas da mesma peza da caixa que hai que arrancar, outras van presas cun parafuso), para que os enchufes onde se conectarán os cabos na tarxeta poidan saír ao exterior. A continuación hai que inserila presionando con firmeza (mellor non tocar os contactos dourados cos dedos para non estropear nada).
Cando a tarxeta teña entrado a fondo nos contactos, hai que fixala co parafuso no lateral da caixa. Isto tamén serve de comprobación da boa colocación da tarxeta, xa que o burato do parafuso de caixa e tarxeta deben estar correctamente aliñados. |