webquest

aulas

sala

obradoiro

biblioteca

hiparcos
Navegación
Inicio
Blog
Utilidades
Imprimir páxina
Páxina actual en pdf
Comentarios
Ver comentarios
 
O meu mundo nun Blog
Experiencia de emprego dun blog na aula Xose Antón 14/10/2006   
Experiencia coas blogs na aula

O  meu mundo nun blog

Xosé Antón Vicente Rodríguez Mestre no CEIP O Piñeiriño, Vilagarcía de Arousa Licenciado en Ciencias da Educación pola UNED Especialidade: Organización e Dirección de Centros Educativos

 Bitácora, blog ou weblog (termo creado por Jorn Barger) son palabras sinónimas que frecuentemente vemos na rede, pero ¿de que estamos a falar?

BITÁCORAS, WEBLOGS OU BLOGS

 

Un weblog (do inglés web + log) do que xurdiu a palabra blog, é un diario (log) en liña no que unha ou varias persoas publican anotacións (chamadas tamén posts) dándolle a oportunidade a quen o lea de poder expresar a súa opinión.

Nacen a finais dos anos 90 (entre o 98 e 99) pero nos últimos tempos están tendo un crecemento exponencial de xeito que se considera que cada seis meses o número de blogs existentes se duplica. Só en galego temos neste momento máis de 400 bitácoras (aínda que non todas están activas) e en castelán supéranse xa as 40.000.

Hai dous tipos fundamentais de weblogs:

                        As blogs temáticas: están especializadas nun tema concreto, como a política, novas tecnoloxías, cine, medios de comunicación, literatura, educación, …

                        ■ As blogs xerais: son as máis abundantes e nelas o autor –ou autores– contan o que lles pasa pola cabeza nese momento sen ter un tema predefinido. Son os máis parecidos aos diarios tradicionais de papel.

                        Se abrimos por primeira vez unha bitácora posiblemente nos pareza unha web persoal mais as diferenzas son notables:

                        ■ Estética: as blogs son moi simples esteticamente xa que a maioría delas están creadas con modelos predeseñados dun editor en liña. O importante é o contido e non o deseño e a forma en que se presentan (ollo!: o contido non ten por que ser obrigatoriamente en forma de texto, poden ser imaxes como ocorre nos fotoblogs, gravacións sonoras como nos audioblogs, …).

                        As anotacións presentan numerosas ligazóns (é moi importante sinalar as fontes dos datos que aparecen nos nosos blogs se lles queremos dar unha certa credibilidade, ademais de permitirlle a quen as lea afondar sobre o tema en cuestión).

                        Ao final de cada mensaxe hai un espazo destinado a deixar a opinión de quen o desexe. Nos blogs políticos estes espazos pódense converter en auténticos foros de opinión.

                        As anotacións (artigos, ou posts) están ordenadas cronoloxicamente de xeito que vemos en primeiro lugar o último que escribimos.

 

No lado dereito ou esquerdo do blog (dependendo do modelo de deseño que se elixa) hai un menú con puntos comúns a todas elas:

                        Ligazóns: nela aparecen ligazóns a webs que cumpren unha dobre calidade: utilizámolas como fontes para obter informacións para os nosos artigos e á vez recomendamos visitalas.

                        Blogs (Blogroll): aquí as ligazóns que aparecen lévannos a bitácoras afíns á nosa (polo pensamento do autor ou autores, temática destas, proximidade xeográfica,…). Nas bitácoras establécese un sentimento de comunidade, o que levou a acuñar termos como blogosfera para referirnos ao universo de bitácoras que circulan pola rede, e de xeito máis restrinxido a falar do blogomillo para referirnos ao microuniverso de bitácoras galegas e en galego que podemos consultar en: http://www.blogaliza.org/  

                        Arquivos: na pantalla principal de cada bitácora aparece un número determinado de anotacións (os 12, 15, 20,… posts máis recentes segundo teñamos configurada a páxina) co cal os artigos que van quedando ocultos podemos rescatalos clicando o mes no que foron escritos.

                        Sindicación: un dos problemas máis frecuentes dos usuarios de bitácoras é a imposibilidade de consultar diariamente as 15 ou 20 bitácoras que temos en favoritos, para iso existen uns programas chamados “lectores” ou “agregadores” que comproban por nós se se rexistrou algunha actualización nos nosos blogs dende a última vez que os visitamos. Para iso só temos que pegar a ligazón das iconas XML, RSS ou Atom nun destes programas (que poden ser gratuítos como o FeedReader ou de pagamento como o FeedDemon) ou mesmo nalgunha web que fai funcións similares como bloglines.

 

Crear e manter un weblog non é difícil, posto que actualmente existe unha gran cantidade de ferramentas gratuítas para xestionalos. Sen ter coñecementos técnicos podemos administrar todo o weblog, escribir, editar e borrar as anotacións, moderar os comentarios dos lectores, etc. Pero non só programas, tamén hai páxinas en liña que che permiten facer todo isto sen necesidade de descargar e instalar nada. As ferramentas en liña máis coñecidas e sinxelas son: Blogger: (http://www.blogger.com/) Blogia: (http://www.blogia.com/)  ou Ya.com (http://www.blogs.ya.com/).

A BITÁCORA COMO RECURSO EDUCATIVO

O fenómeno weblog non foi alleo ao mundo educativo. Existen diferentes bitácoras temáticas educativas e en galego como: “O caderno de Ciberlingua” (http://ciberlingua.blogspot.com/) ou “Ensino en galego” (http://engalego.blogspot.com/), pero tamén poden ser utilizadas como un recurso altamente motivador para que os nosos alumnos se expresen en liberdade e non só con alumnos de secundaria e bacharelato senón tamén en primaria.

 

Consciente das súas potencialidades abrín o curso pasado unha bitácora cos meus alumnos de 3º e 4º de primaria no CEIP O Piñeiriño en Vilagarcía de Arousa como actividade para realizar na hora semanal que cada clase ten asignada na aula de informática.

                      

                          

 

 

 

O seu nome foi “O redactor dixital” (http://redactor.blogspot.com/) como unha continuación do xornal educativo do centro que ten por nome “O redactor”.

 

O blog abrímolo en blogger (un editor automático de bitácoras en liña) e o modelo de deseño elixido foi consensuado entre todos. As ligazóns incluídas foron buscadas e seleccionadas por eles navegando pola rede (páxinas sobre a súa localidade, con recursos educativos, buscadores,…).

Os alumnos están dispostos na aula de informática en parellas. No escritorio de cada ordenador hai un cartafol co nome “Bitácora” e nel un arquivo en word con cadros de texto no que os alumnos terán que escribir o seu artigo. Poden escribir sobre o que eles elixan: as súas afeccións, o seu deportista favorito, a última película que viron, as celebracións do cole ou da súa localidade, inventan un conto ou un poema, contan algunha nova de actualidade,…

 

Cando estea rematado deberán gardalo no cartafol do escritorio poñéndolle previamente o título co que queren que se publique.

 

Aínda que non é imprescindible, si é recomendable acompañar a anotación cunha imaxe. No curso pasado estas fotos atopábanas os nenos no buscador de imaxes de Google, pero na actualidade son eles mesmos os que as realizan cun programa gratuíto de debuxo “Drawing for Children” con múltiples posibilidades e que podemos poñer en galego. Para subilas á rede utilizamos unha aplicación de Blogger que o fai automaticamente podendo engadirlle o pé de foto que desexemos:

(http://www.hello.com/

O encargado de subir estes artigos ao blog son eu, que procuro facelo o máis inmediatamente posible. Neles só corrixo algunha falta ortográfica pero nunca cuestións de estilo nin censuro contidos  (o que si procuro é levar un seguimento do que se está escribindo en cada ordenador para reconducir temáticas inapropiadas ou evitar duplicidades).

As vantaxes que observei ao longo destes dous cursos que levo coa experiencia son múltiples:

-        Os alumnos séntense motivados para escribir (na aula cando os enfrontamos a un folio en branco para realizar unha composición poucas veces se dá esta motivación).

-        Escribir convértese para eles nun motivo de orgullo e desfrutan ensinándolles ás súas familias e amigos o que acaban de redactar.

-        É enorme a ledicia cando reciben algún comentario aos seus escritos e/ou debuxos.

-        O respecto que teñen polo que redactaron os demais cando son eles os que escriben algún comentario.

-        A preocupación pola ortografía. Saben que o seu artigo se vai publicar e non queren ter faltas ortográficas.

-        O contraste de informacións cando a anotación é sobre algunha nova de actualidade.

              

 

■ En todo o proceso de escritura en bitácoras hai unha obriga de reflexionar sobre o que se está facendo. É importante argumentar as opinións e respectar as dos demais.

■ Toman conciencia da complexidade da rede e as súas posibilidades como medio de comunicación.

 

PARA SABER MAIS:

 

http://www.blogalego.com/

http://www.blogaliza.org/  

http://www.blogger.com/

http://nireblog.com/gl 

http://pt.wordpress.com/ 

http://gl.wikipedia.org/wiki/Blog

  


www.edugaliza.org