webquest

aulas

sala

obradoiro

biblioteca
Navegación
Inicio
 Aulas
   Lingua
Índice
Introdución
Un pouco de teoría
 Tipografía
 Formatos de imaxe
O escáner
A impresora
O software
Deseño de formatos ...
 Complementos
 Imaxes
Maquetación
Acabado final
Utilidades
Imprimir páxina
 
Edición electrónica de revistas escolares
Utilización do ordenador na edición de revistas escolaresManolo Paz 22/8/2005
Tipografía

Refírese a tipografía á catalogación e estudo dos tipos, entendendo estes como a forma que teñen os caracteres ou letras. Aínda que profisionalmente tipos ou tipografías son as palabras de referencia, dentro do mundo da informática acostuma a denominarse a forma das letras como 'fontes', tradución do inglés 'fonts', omnipresente cando se traballa nesta área. A nosa publicación vai empregar,  de maneira significativa, letras para representar os textos da mesma. Cómpre falarmos das letras a empregar.

O galego emprega para a escrita o alfabeto romano (como a inmensa maioría dos alfabetos occidentais) coas únicas particularidades (comúns ao galego e ao castellano) de empregar tiles sobre as vocais en certos casos e máis a letra 'ñ' . Como os deseñadores de fontes de ordenador acostuman ser angloparlantes, a única salvidade que poderemos encontrar é que determinados xogos de fontes non contan con tiles ou con ñ (ao estilo dos primeiros ordenadores que tiñan que empregar recursos variados para obviar o problema).

Temos que distinguir dúas maneiras de emprego da tipografía:

O corpo de texto (incluíndo nel o común do texto da publicación máis os enfatizados ou variantes que poidan ter -subtitulares, títulos de parágrafo, notas ao pé, pé de imaxes-) e os rótulos. O tratamento tipográfico ten motivacións completamente distintas. No primeiro dos casos a premisa básica é a lexibilidade, as fontes que se empreguen han de asegurar a lectura cómoda e fácil dos textos, no segundo é o chamativo o que prima.

  • A utilización como corpo de texto está marcada pola lexibilidade. Recomendamos non empregar máis que dous tipos básicos ou un deles, tipos que acostuman estar xa instalados no ordenador como parte do sistema operativo ou como fontes instaladas polo procesador ou calquer programa de deseño gráfico:
    1. A letra de tipo Arial, letra de pau seco e que pode aparecer en moitas variantes: Verdana, Helvética, Futura..... É un tipo de letra que os ordenadores acostuman a referenciar como letra sans-serif (sen adornos ou terminacións)
      Esta letra é de tipo sans-serif
    2. A letra de tipo Times  ou Times New Roman, como esta, letra con adornos ou terminacións (serif) .
      Esta letra é de tipo serif

Escoller entre unha ou outra (ou unha variante delas) ten máis que ver con aspectos emocionais ou de deseño que propiamente tipográficos. Tanto un tipo como o outro garanten  unha lexibilidade cómoda e fácil, e hai detractores e partidarios de ambas, con argumentos como que en tamaños pequenos son os tipos sans-serif os máis visíbeis xa que aumentan o contraste entre fondo branco e letra escura ou que os tipos serif proporcionan unha apoiatura visual nos adornos ou terminacións para facilitar a lectura. En xeral a letra sans-serif ten un aire máis moderno e a tipo serif un aire algo máis clásico, pero sempre vai ser cuestión de gustos. En xeral tamén, na prensa escrita, os xornais usan en maior cantidade a letra tipo Times para os textos, mentres que as revistas ou semanarios acostuman a ter preferencias pola sans-serif. En calquera dos casos é recomendábel facer unha proba de lectura cun texto escrito nun procesador de texto calquera (o Wordpad do sistema podería valer) e impreso coas diversas tipografías entre as que se quere escoller e tomar alí a decisión. Unha suxerencia de uso é empregar un recurso moi usado en xornais en xeral, que é combinar os dous tipos en diferentes utilizacións, por exemplo, Times no texto base e Arial nos titulares ou subtitulares. Por suposto que hai múltiples variantes destes dous tipos básicos, a historia da tipografía ten como corrente principal o estudo desas variantes ao longo dos séculos (a maioría delas somente diferentes en pequenos detalles en letras concretas ou no espesor ou a variación de espesor das liñas). Desaconsellamos sobre todo o xogo de tipografías variadas no corpo do texto, tende a causar sensación de confusión ou de deixadeza no traballo de edición, e, como estamos a falar dunha revista escolar, sobre todo é moi desaconsellábel empregar tipos de letras que imiten a caligrafía manual (salvo que sexa dunha maneira puntual ou que se trate dun texto verdadeiramente manuscrito e do que se quer respeitar a grafía do autor polo motivo que for).

  • A utilización nos rótulos non está marcada por estas circunstancias, xa que no caso da publicación que estamos a montar os rótulos refírense ás partes estáticas da mesma, as partes que non varían número a número. A lexibilidade é aquí un valor secundario fronte ao chamativo, visualmente agradábel ou a integración cunha imaxe ou logotipo identificador. Seguramente para este traballo non serán suficientes as fontes instaladas no sistema. A menos que teñamos un amplo catálogo de fontes  case con toda seguridade nos encontraremos demasiado limitados. Cómpre instalar novas fontes...

¿Onde conseguir fontes (tipos de letras) para usar?. O ordenador acostuma a ter uns cantos tipos básicos xa instalados que veñen co propio sistema. Da mesma maneira cando se instalan programas de deseño gráfico, sobre todo os de tipo comercial, instálanse por omisión algúns tipos máis. Para o primeiro dos tratamentos tipográficos ( o do texto en xeral) pode chegarnos con estas, xa que non se requiren máis que dous ou tres tipos básicos, pero para os rótulos como o da cabeceira da revista (os textos que non van sufrir variacións ao longo das distintas edicións da publicación) haberá que recorrer a ampliar a biblioteca de fontes do ordenador. Un bon lugar para buscar é na internet, aínda que se recomenda actuar con precaución. As fontes, como outros materiais de deseño, poden estar suxeitas a copyright, é dicir, non son gratuítas senón que poden estar en venta. A maioría dos sitios que fornecen fontes na internet están en inglés e poden producirse confusións. As palabras clave a rastrear nun buscador son 'free fonts' , pero hai que ter ollo e asegurarse que son verdadeiramente 'free'.

Algúns sitios de interese para este traballo poden ser:

  • Chank fonts. En inglés, pódense comprar fontes pero tamén ten un catálogo gratuíto que se pode descargar libremente.
  • 1archive. En inglés tamén, regala fontes gratuítas fundamentalmente de tipo chamativo ou de fantasía.
  • Letramanía. Recursos tipográficos en xeral e en castellano, entre eles, descarga gratuíta de fontes.

Lembrar que o sistema normal consiste en poder escoller o tipo de letra a través dunha galería de mostras e  que a descarga desde estes lugares acostuma a consistir nun arquivo zip que haberá que descomprimir .

Unha vez instaladas as fontes no ordenador, insistimos de novo no uso que se vai facer das mesmas, e limitar as letras de fantasía ao uso como rotulación. Tamén cómpre sinalar que a velocidade de traballo do ordenador enlentécese segundo aumenta o número de fontes instaladas, polo que é recomendábel non instalar un número grande delas, e limitarse ás que poidan resultar interesantes. As fontes para rótulos son de difícil clasificación e non hai unha pauta clara para agrupar as familias de tipos, como ocurría coas fontes de corpo de texto, pero grosso modo cabería distinguir:

  • Fontes de tipo histórico: letras góticas, chancelerescas, modificadas ou unciais, célticas,....

  • Fontes de tipo informal: letras que imitan unha caligrafía natural e espontánea, como se fosen feitas a man cun rotulador.

  • Fontes de tipo caligráfico: letras que imitan o trazo caligráfico das plumas metálicas.

  • Fontes de fantasía en xeral: inclasificábeis e para todos os gustos.

Importante: en calquera dos casos, e prevendo posíbeis problemas como a recolocación de texto ou a migración do cartafol da revista dun ordenador para outro ou a reinstalación no sistema do ordenador, co que se poderían perder estas fontes nalgún momento, é moi recomendábel que toda a rotulación que se faga con estas fontes específicas se efectúe dentro do programa de gráficos, como o GIMP, e que se garde no disco duro como unha imaxe. Deste xeito aseguramos a estabilidade da cabeceira (e rótulos en xeral) ao longo dos distintos números que vaia ter a publicación (e ao longo dos distintos ordenadores que se vaian a empregar) . Pola contra a fonte ou fontes que vaiamos a empregar no corpo de texto deberían ser instaladas en todos os ordenadores.

Para ter todo limpo e claro, podemos crear un subcartafol denominado "fontes" dentro do cartafol software do servidor da revista e situar alí os arquivos das fontes usadas ou alternativas para poderen ser instaladas rapidamente en calquera das máquinas.


Ampliando ...

Para ampliar ideas sobre tipografía en xeral ou tipografía informática, eis algúns lugares de interese na rede:....

  • Counterspace. Interesantísimo lugar sobre deseño de tipografía, incluíndo clasificación de tipos, historia da tipografía e anatomía e elementos que conforman a forma das letras. A única eiva é a de estar todo redixido en inglés.
  • Tipógrafos. De calidade semellante ou superior á anterior, e redixida en castellano. De maneira moi visual presenta tipografías e moito saber sobre as letras. Para alén diso é unha revista en liña para tipógrafos profisionais.
  • Unostiposduros. Moito material histórico e de consulta sobre tipografías e todo en castellano.


www.edugaliza.org