webquest

aulas

sala

obradoiro

biblioteca
Navegación
Inicio
 Aulas
   Lingua
Índice
Introdución
Un pouco de teoría
 Tipografía
 Formatos de imaxe
O escáner
A impresora
O software
Deseño de formatos ...
 Complementos
 Imaxes
Maquetación
Acabado final
Utilidades
Imprimir páxina
 
Edición electrónica de revistas escolares
Utilización do ordenador na edición de revistas escolaresManolo Paz 22/8/2005
Un pouco de teoría

É fundamental a organización do traballo á hora de afrontarmos a edición dunha revista  ou publicación escolar.
Isto pasa pola estruturación dun equipo de redacción da revista, o personalismo ou voluntarismo é un soporte moi débil se queremos manter a publicación ao longo do tempo. Aínda que sempre será unha persoa a que leve a voz condutora do grupo, é importante contar cun equipo de traballo que permita a colaboración e repartir as funcións.

Unha boa maneira de estruturar o labor é fixarmos nun documento de inicio o traballo a realizar, documento que pode consistir nunha simple folla de papel sen máis protocolos ou ser un escrito máis formal, pero que debería incluír:

  • Equipo que conforma a revista. Debería tratarse sempre dun equipo mixto integrado tanto por mestres do centro como por alumnos, a experiencia nos informa de que os equipos mixtos acostuman ter unha dinámica moito máis fluída e aportan uns valores educativos moi interesantes.
  • Obxectivo ou temática da publicación. Se se vai tratar dunha publicación de carácter xeral ou meramente escolar, ou vai ter unha orientación nos contidos cara unha certa temática.
  • Normas internas de conduta. Que comportamentos específicos non serán admisíbeis en relación ao traballo. Aquí cabe un pouco de todo e seguramente será unha das partes do documento a revisar segundo pase o tempo, pero está ben sempre ter unhas normas escritas de referencia. Poden incluírse desde normas obvias como que se rexeitarán as colaboracións que poidan ser ofensivas para a dignidade das persoas, ata normas impostas polos recursos cos que se conta como que non se admitirán traballos elaborados en cor, se a publicación vai ser en branco e negro.
  • Estrutura da publicación. Seccións ou partes que vai ter e cales delas se consideran opcionais ou conxunturais e cales periódicas.
  • Características da publicación. O máis importante é definir o tratamento da cor (branco e negro, todo a cores, só a portada a cores, un caderniño interno,...), o sistema de impresión a empregar (medios do colexio, imprenta profisional,...), o formato ( A4, A5, ...-mellor empregar formatos normalizados-) e a tirada aproximada (só para o colexio, para varios colexios, ....)
  • Reparto de responsabilidades. Definir de onde procederán os traballos, quen seleccionará , quen tomará as decisións de publicar ou non publicar un material, quen asume a responsabilidade de facer o traballo e como se reparte este. Este reparto pode ser organizado de maneiras moi variadas, desde un simple listado dos membros do equipo e de que se encargará cada un ata un organigrama complexo.
  • Calendario de traballo. Seguramente o elemento que sufrirá maiores modificacións ao longo do proceso.  Deberían estimarse fundamentalmente  a situación no tempo de dous momentos clave:  o peche de edición (xa non se admiten máis traballos para inserir e hai que montar a revista co que nese momento estexa escolleito) e a tirada (momento de iniciar a distribución dos exemplares). Polo tanto debe prefigurar tres fases (cando menos) no traballo:
    • Elaboración de materiais
    • Selección de materiais
    • Maquetación e publicación

É importantísimo que este documento sexa redactado e sexa coñecido por todos (os membros do equipo de redacción e por extensión todo o centro docente dalgún xeito) . Para tal fin pode adoptar diversas formas en función da situación de cada centro:  un escrito detallado cravado nun tabuleiro mural se o equipo da revista pode dispor dun lugar fixo de reunión, unha folla fotocopiada entregada a cada un dos membros do equipo, un mural ad hoc. A súa importancia radica en que fixa claramente o arranque do labor da publicación, o que se espera que faga cada un dos membros do equipo, aproxima o resultado final e adianta o desenrolo temporal dos traballos.

A organización concreta en cada centro, que é o que as normas internas de conduta expresarán fundamentalmente, vai depender moito das características de cada un, é dicir, circunstancias como contar xa cunha tradición de publicar unha revista anual, ou ter un equipo de mestres xa configurado doutros anos, ou calquer outra, van marcar a maneira de traballar en cada caso. En todo o caso, é moi importante manter sempre presente que o fundamental, se se quere obter o fruto da riqueza, variedade e creatividade, é manter un alto nivel de participación na publicación. Mesmo sería axeitado reflexionar sobre a idea de inserir mecanismos de participación alternativa. A actividade da publicación debe xogar no difícil equilibrio entre a liberdade de participación dos alumnos e o dirixismo dos mestres. É certo que este último ingrediente é imprescindíbel se se quer que o resultado fructifique, pero iso non debería coartar os desexos de participar dos rapaces, e ás veces isto último dáse mesmo sen pretendelo ou provocalo. Os mecanismos alternativos poden axudar, proporcionar canles alternativas para os colaboradores que non se motivan coa canle principal. Se sempre se elaborou a revista preparando un artigo por clase do centro, ao mellor podería abrir unha perspectiva nova para algúns rapaces ter un buzón libre onde poder entregar colaboracións á marxe do que poida facer a clase. Se cadra o tema da colaboración da clase non motiva a algúns rapaces que destoutro xeito poderían participar.

Traballando co ordenador (o soporte)

Salvando outras consideracións sobre o emprego da informática na elaboración da publicación que quizá poidamos abordar máis adiante, o momento fundamental en que pode resultar decisivo o uso do ordenador é o momento da edición ou maquetación da publicación. Precisaremos ter un determinado equipamento, que hoxe en día, está en xeral dispoñible nos centros educativos.

Os requisitos necesarios son os seguintes:

1.-Hardware (maquinaria) :

  • Ordenador (ou rede de ordenadores) con características medias ou medias-altas. Como mínimo debería tratarse dun Pentium, e ter suficiente memoria, 64 Mb sería o mínimo.
  • É importantísimo que o monitor sexa o de maior tamaño que se poida conseguir, con 15 ou 17 pulgadas pódese traballar ben, 19 pulgadas sería o desexábel. Tamén interesa que se poida configurar con alta resolución, a 800x600 puntos ou mellor aínda a 1024x768, e con millóns de cores na paleta. É difícil poder traballar con menos de 800x600 e con menos de 256 cores.
  • Unha impresora que poida dar 600 ppp de resolución. O mellor resultado estaría nunha impresora láser (desa resolución), aínda que cunha de inxección tamén se pode traballar.
  • Un escáner que teña como mínimo 600 ppp de resolución óptica. Con resolucións menores podería traballarse, pero con merma na calidade.
  • (opcional) Se se vai traballar  cunha edición en imprenta e se queren enviar os orixinais de maneira electrónica, tamén sería interesante contar cunha gravadora de cdrom para o envío.

Na actualidade é  difícil que un centro de tamaño mediano non conte cun equipamente mínimo como este.

2.-Software (programas) :

  • Os programas que controlan os dispositivos, que se suministran con eles ou se poden descargar gratuítamente de internet. Denomínanse 'drivers' ou controladores e farannos falta: o controlador da impresora, o do escáner, e en caso de empregarmos a gravadora de cdroms, o software de gravación. Todo isto non é unicamente necesario para a edición de revistas, senón que é imprescindíbel para que funcione o equipo e os seus dispositivos. Se todo está xa en funcionamento e configurado, non precisaremos axustar nada aquí en principio.
  • Un programa que permita manipular imaxes. Pode ser o programa que se suministra co escáner. Os fabricantes acostuman complementar o controlador do dispositivo cunha versión (normalmente reducida) dun programa de edición de imaxe (tamén lle chaman de retoque fotográfico). No mercado existen solucións profesionais e comerciais de gran efectividade e bo funcionamento como o considerado como a ferramenta multiuso da imaxe informática, Adobe Photoshop, pero a un custo elevado (trátase dun programa comercial e de prezo considerábel, se ben é certo que para este labor non aproveitaríamos nin un 10% do potencial del). Nós recomendamos unha solución moito máis económica empregando o programa de manipulación de imaxe GIMP 2, desenrolado para o sistema operativo linux, pero que existe en versión para windows e forma parte do software de código aberto. Un primeiro paso será logo instalar este programa (ou o que se escolla como alternativo) e deixalo operativo para o seu uso.
  • Un programa que permita colocar imaxes e textos sobre unha representación do papel e logo imprimilo, isto denomínase profesionalmente 'Autoedición'. As solucións profesionais, e comerciais, máis extendidas son o Adobe PageMaker, Quark Express ou CorelDraw . De novo o problema pode estar no elevado custo deste software, polo que nós empregaremos un programa tamén de código aberto, concretamente o editor de debuxo do OpenOffice . Non é exactamente un programa de autoedición   'Desktop Publishing' ou similar como os anteriores, pero ten posibilidades para traballarmos con el nunha revista escolar.

Estes programas poderemos usalos de dous xeitos distintos, segundo dispoñamos dunha única máquina para as tarefas de edición ou de varias colocadas en rede.

  • Unha máquina soa: todos os aparellos hardware (impresora, escáner, ...) deberán estar conectados e configurados nesa máquina, e os programas necesarios (editor de imaxe e autoeditor) instalados. Debe dispoñer de suficiente capacidade libre no disco duro para poder almacenar todos os materiais (unha publicación completa con imaxes en branco e negro pode ocupar desde varios Mb ata un Gb, se a publicación vai en cor pode mesmo superar esta dimensión)
  • Varias máquinas en rede: (Moi importante que estexan en rede). Os aparellos hardware poden estar distribuídos sobre varias máquinas distintas (pode estar a impresora enchufada a unha máquina, o escáner noutra e usar como almacén o disco duro doutra distinta). Os programas deberían estar instalados en todas as máquinas, ou dispoñíbeis na rede para seren instalados onde cumprir. Ao mellor empregaremos sempre a mesma máquina para editar imaxes, pero se cadra nun momento dado precisamos de dúas traballando en paralelo ou retocar unha imaxe desde unha terceira.

Se imos traballar empregando os recursos dunha rede informática, non estaría de máis definir previamente unha estrutura da rede que nos facilite o traballo e evite a perda de información ou a desorde no traballo. Traballando en equipo é absolutamente imprescindíbel contar con esta organización da rede.

Teremos que contar cun ordenador que faga as veces de servidor da rede (o que máis disco duro teña ou teña máis sitio dispoñíbel nel). Sobre este ordenador crearemos un cartafol compartido e aberto a todas as demais máquinas e cun nome distinguíbel, por exemplo 'Revista'.  O resto das máquinas conectadas na rede e que se vaian empregar na publicación deben visualizar esa carpeta compartida, e crear un acceso a ela como unidade de rede (Asignar unidade de rede). Isto é, para o resto dos ordenadores a carpeta da revista debe aparecer no explorador como unha unidade virtual (un disco duro non existente) onde poder gardar as cousas referentes á publicación. Isto permite manter todos os materiais da revista concentrados nun único punto da rede, e polo tanto:

        • Non extraviar imaxes ou textos ao longo da rede porque non lembramos en que máquina están.
        • Poder facer copias de seguridade facilmente (somente hai que copiar o cartafol Revista noutro disco duro da rede ou nun cdrom)
        • Non ter versións en conflito do mesmo material. Se editamos unha páxina nun ordenador e editamos a mesma noutro ordenador distinto e non gardamos no cartafol da rede teremos dúas versións distintas en lugares distintos. 

Dentro deste cartafol da revista non estaría de máis ter un subcartafol denominado software (pode estar noutro sitio, pero no cartafol da revista está localizábel) onde gardar todos os instaladores dos programas que se van usar (controladores, GIMP, OpenOffice  e outros se for o caso) para poder rapidamente reparar calquer defecto de instalación ou contixencia.

Outros subcartafois importantes do cartafol revista son:

  • Un denominado 'logos' para gardar os materiais gráficos comúns a todos os números da publicación, como logotipos, cabeceiras gráficas, sublogos,...
  • Un denominado 'plantillas' cos moldes ou plantillas dos documentos de edición. É importante que neste cartafol se garden as páxinas configuradas con estilos, identificadores e seccións pero en branco, para facilitar a xeración dun novo número en calquer momento
  • Un coa denominación do número que se vai a publicar, en principio será unha copia do anterior, e será onde se irá enchendo de contidos o número en curso.
    • Un subcartafol deste denominado 'recortes' para gardar precisamente iso, retrincos, imaxes non usadas, probas de traballo, que nos pode sacar dun apuro nun momento dado, pero que se mantén aparte para manter unha certa orde e limpeza no traballo.

Esta podería ser a apariencia do cartafol 'Revista' no servidor.

O primeiro cartafol que podemos encher xa nun primeiro momento é o denominado software.

Nel estaría ben inserir os controladores ou drivers de escáneres e impresoras que se vaian usar, e o instalador do programa GIMP así como o de OpenOffice, cada un no seu cartafol correspondente.



www.edugaliza.org