En moitos centros de ensino edítanse publicacións de ámbito escolar ou multi-escolar que tradicionalmente se viñan editando con moito esforzo, paciencia e por procedimentos manuais.
No momento actual, en que a maior parte dos centros contan con equipamento informático, a revista escolar pode ser unha boa maneira de aproveitar os recursos existentes para facilitar o traballo e ao tempo dar uso axeitado aos equipos, de feito isto estase a facer, a maior parte das veces con escaseza de apoio ou de guía no traballo.
Aínda que a publicación vai seguir sendo un traballo fruto de considerábeis doses de esforzo e paciencia, o resultado final vai ter seguramente maior calidade. Estes apuntes son unha pequena axuda para organizar o traballo e uso dos equipos neste cometido.
Ao tempo queremos manifestar que estes apuntes son un desenrolo de material deseñado para o curso "Edición de revistas por ordenador", organizado polo CEFORE de Santiago durante o mes de Febreiro de 2003 e impartido no IES Lamas de Abade, e foron modificados e actualizados durante o desenrolo dun proxecto de Formación sobre edición de revista escolar no CEIP Juan Fernandez Latorre, asesorado polo CEFORE de A Coruña no ano 2005. |