Un dos grandes problemas que presenta o alumnado co que traballamos son as dificultades de comprensión lectora. Para abordar este problema tendemos a botar man de textos sinxelos que logo empregaremos para traballar a comprensión. Moitas veces o que se fai é recorrer a textos que, en principio, non están pensados para a idade desa alumna ou alumno en concreto, co cal as temáticas destes textos tenden a non ser atractivas: cando len eses textos séntense moi infantilizados.
Propúxoselles a sete escritores e escritoras que redactasen un texto tendo en conta que as persoas destinatarias finais ían ser rapazas e rapaces de 12 a 14 anos de idade con pouco nivel de comprensión lectora. A resposta dos autores e das autoras foi excelente e de xeito desinteresado participan desta proposta educativa.
TxT, textos espaciais pretende, ademais, ser un paso intermedio entre o material tradicional impreso en papel –as clásicas fichas– e o uso exclusivo das Tecnoloxías da Información e Comunicación. Está pensado para usar en aulas que teñan conexión a internet. Propoñemos pois esta nova dimensión que o profesorado terá que ir investigando e facendo aos poucos.
Nesta liña debemos dicir que este material parte do feito que tanto alumnado como profesorado saben usar minimamente un navegador e as ferramentas de busca pola rede.
Finalmente, todo o material xerado distribúese totalmente de balde por internet baixo a licenza Creative-Commons [http://creativecommons.org/licenses/by-nc-sa/2.0/es/deed.gl]. Esta licenza permítelle a calquera persoa usar e distribuír este material, sempre baixo unha licenza semellante a esta, e deberá citar e recoñecer ao autor ou autora orixinal e a obra derivada non pode ter fins comerciais.
Finalmente, cómpre o agradecemento a todas e todos os que participaron na materialización deste proxecto.
Podes descargar TXT: Textos espacias en formato PDF