webquest

aulas

sala

obradoiro

biblioteca

hiparcos
Navegación
Inicio
 Aulas
   Ciencias
     Saqueta
       Arca
Utilidades
Imprimir páxina
Páxina actual en pdf
Comentarios
Ver comentarios
 
O Diluvio universal
A aplicación do cálculo matemático ao problema do diluvio bíblico Carlos Varela 5/3/2002   
O Diluvio

Segundo a Biblia houbo un tempo no cal 'a maldade dos homes medraba na terra'. Deus dixo: 'Para min chegou a fin de todos os seres vivos, pois por culpa deles está a terra chea de crimes. Vounos a exterminar todos con ela'.
As únicas persoas que deus perdoou foron: Noé, a súa dona, os seus 3 fillos e as súas noras. Dixo Deus a Noé: 'Ti constrúe unha arca de madeira....'. 'Farala deste xeito: o longo de 300 cóbados, o ancho de cincuenta, a altura de 30. Poraslle unha cuberta; un cóbado debaixo dela deixaraslle unha bufarra e por un lado unha porta; levará 3 pisos superpostos: o baixo, o medio e o alto.'
'Eu vou mandar un diluvio - as augas- sobre a terra, para acabar coa vida toda de debaixo do ceo: perecerá canto hai na terra..'. 'Meterás nela, para que salven a vida, unha parella de animais, macho e femia, de todas as especies...'. 'Terás que te prover de alimentos, para que vos sirvan de mantenza a ti e mais a eles'. 'Noé fixo todo conforme Deus lle mandara'....
'Dentro de 7 días farei chover sobre a terra corenta días seguidos, coas súas noites, e varrerei da face da terra os seres todos que creei'......
'Durante corenta días caeu un diluvio sobre a terra. As augas......subiron máis e máis sobre a terra, até cubrir as máis altas montañas que hai debaixo do ceo.'.........'Foron exterminados todos os seres vivos....' .'A auga dominou sobre a terra por cento cincuenta días.'. Pasado ese tempo 'pouco a pouco as augas foron deixando libre a terra, diminuíndo sen parar....'

Noé abriu a bufarra da arca e soltou unha pomba que saíu fora e volveu a entrar nela 'cunha folla verde de oliveira no peteiro. Noé decatouse de que a auga baixara un pouco máis. Agardou outros sete días e soltou novamente a pomba. Esta xa non volveu'. Esperou uns días e Noé abandonou a arca na compaña da súa familia e todos os animais para poboar de novo a terra deserta.

Escudo de Noia
Escudo de Noia. Precisamente a fundación mítica da vila de Noia atribuíse a Noé. No escudo de Noia vemos a Noé, a arca e unha pomba cunha póla de oliveira no peteiro.

O MÁIS GRANDE SAFARI DA HISTORIA:
Nº APROX. DE ESPECIES
Aves
9.600
Mamíferos
4.450
Réptiles
7.000
Anfibios
3.900
Insectos
1.000.000
Arácnidos
70.000
Fonte: Academia de C. Exactas, Físicas e Naturais do E.E. - 1999

Noé, fillos e noras (en total 8 persoas) tiveron que percorrer o planeta á caza e captura dunha parella de cada especie animal existente no planeta.

Na Táboa temos o número aproximado de algunhas especies animais que existen no noso planeta.
Pregunta: Tendo en conta a Táboa, ¿cantos tempo tardaron?.
Segundo a Biblia: 'Dentro de sete días farei chover....'
Ademais, aínda que o Xénese non fala diso, tivo que facer o mesmo con todas as plantas da terra xa que ao quedar asolagada toda a terra durante cento cincuenta días desaparecería a vexetación da mesma.

A MÁIS GRANDE DESPENSA DE TODA A HISTORIA:

Noé tivo que almacenar alimentos para todos os animais e persoas da Arca, incluídos animais vivos para os carnívoros, e poder comer durante varios meses.
Como di a Biblia 'Terás que te prover de alimentos, para que vos sirvan de mantenza a ti e mais a eles'. 'Noé fixo todo conforme deus lle mandara'....
Pregunta: ¿Como logrou conservalos durante ese tempo?. A biblia non da resposta.

¿CANTOS ANIMAIS CABEN NA ARCA?:

A Biblia nos da as dimensións da mesma: 'Farala deste xeito: o longo de 300 cóbados, o ancho de cincuenta, a altura de 30. Poraslle unha cuberta; un cóbado debaixo dela deixaraslle unha bufarra e por un lado unha porta; levará 3 pisos superpostos: o baixo, o medio e o alto.'
O cóbado é unha unidade da magnitude física lonxitude moi usada na antigüidade que equivale aproximadamente a 0,42 metros. Pasamos as dimensións a metros:

Longo = 300 cóbados = 300. 0,42 m = 126 m
Ancho = 50 cóbados = 50.0,42 m = 21 m

A superficie de cada andar será: S = Longo X Ancho = 126 m. 21 m = 2.646 m2

A superficie dos 3 andares será: STotal = 3.S = 3.2646 m2 = 7.938 m2

En toda esta superficie (equivalente a 3 fincas de 2.646 m2 cada unha) hai que meter:

  • Todas as parellas de animais das distintas especies.
  • Os alimentos deses animais para varios meses.
  • Todos os vexetais do planeta.
  • As 8 persoas e unha despensa para os seus alimentos.
  • Os tabiques da Arca........etc.

Pensemos só nos mamíferos e que na Arca non temos tabiques, nin zona para as persoas,...Como temos 4.450 parellas e unha superficie total de 7.938 m2 será:

fórmula matemática de cálculo de espacio

¡O enxeñeiro- xefe trabucouse!. Nin sequera podemos transportar os mamíferos na súa Arca.
Ademais un barco de tales dimensións era imposíbel construílo nesa época; e moito menos por 8 persoas.

¿A QUE ALTURA CHEGARON AS AUGAS NO DILUVIO UNIVERSAL?:

A cantidade de vapor de auga que contén a atmosfera é o que coñecemos co nome de humidade. A humidade absoluta é a masa de vapor de auga que contén cada m3 de atmosfera nun instante determinado. Agora ben, a cantidade de vapor de auga contido nun m3 de aire e variábel, pero nunca ilimitada. Cando unha masa de aire contén a máxima cantidade de vapor de auga dicimos que está saturada de humidade.
Segundo a biblia: 'pouco a pouco as augas foron deixando libre a terra, diminuíndo sen parar....'. Toda a auga do diluvio foi parar a atmosfera terrestre polo fenómeno da evaporación. Polo tanto, se todo o vapor de auga que existe actualmente na atmosfera pasara ao estado líquido e caera sobre a superficie terrestre teriamos un novo diluvio universal.
Dos datos meteorolóxicos tiramos que unha columna de aire atmosférico dun metro cadrado de base pode conter un máximo de 25 quilogramos de vapor de auga. Traballemos un pouco coa Física e as matemáticas:

1 quilogramo de auga equivale a 1 litro de auga. Logo temos unha columna atmosférica de 1 m2 de base que contén 25 litros de vapor de auga. Usemos como unidade o centímetro:

1 litro = 1.000 cm3 ,, 1 m2 = 10.000 cm2

Conclusión: 25 Kg/m2 equivalen a 25.000 cm3 de volume por cada 10.000 cm2 de base. Para obter a altura desta capa de auga facemos o seguinte:


As augas do diluvio universal só chegaron a 2,5 cm de altura.

Podemos pensar que todo o anterior son andrómenas. ¡Nada máis lonxe da realidade!. Nos EE.UU., que moita xente considera como paradigma da investigación científica, nove de cada dez persoas creen na existencia dun ser supremo, sete de cada dez nunha vida despois da morte, as páxinas máis visitadas do internet son as pornográficas e as relacionadas con cuestións relixiosas,...A finais do século XX nalgúns estados unha lei obrigaba ás escolas a tratar en pé de igualdade a mal chamada teoría da creación coa teoría da evolución. Os creacionistas esixiron o recoñecemento do diluvio universal como un axente xeolóxico primario. Moitos persoas progresistas dedicadas ao ensino e a investigación, que non aceptaron o creacionismo, sufriron sancións, expulsións do seu traballo e o silencio total nos medios de comunicación mais importantes. Despois dunha dura loita conseguiron que un xuíz da Corte Federal estabelecera que 'o creacionismo non é unha ciencia'.De todos os xeitos o grupo de presión fundamentalista relixioso nos EE.UU. ten un apoio masivo (senadores incluídos) e acceso a fondos económicos ilimitados.
A pesares de que o creacionismo é un movimento fundamentalmente dos EE.UU., na Europa vai introducíndose dentro da onda de idealismo filosófico que vai invadindo a sociedade. Toda a historia da filosofía desde os gregos até o presente consiste nunha loita entre dúas escolas de pensamento diametralmente opostas: o idealismo e o materialismo.

  


www.edugaliza.org