Os ríos máis importantes en relación ó relevo arzuán son o Iso e os seus afluentes e o Mera afluente do Tambre.
O río Iso ou tamén, chamado na comarca Viso nace na ladeira occidental do monte Bocelo. Pasa por Rivadiso onde se atopa o antigo hospital dos peregríns, hoxe albergue. En Fontesanta enlázase co Brandeso e leva as súas augas ó encoiro de Portodemouros xuntándose alí coas augas do río Ulla. Este último discorre un traxecto curto por terras arzuáns, ó sur da comarca. Un lugar paisaxístico excepcial é a ponte de San Xusto por onde pasa o Ulla. Famosa, nesta zona, é a fervenza de Hortas de difícil acceso para a súa visita.
O río Mera discorre pola esquina noroeste do municipio atravesando as parroquias de Calvos de Sobrecamiño, Campo, Dodro e Oíns.
Nas beiras do Iso e o Mera atopamos salgueiros, ameneiros, bidueiros e algún carballo. Tamén plantacións novas de piñeiros e eucaliptos, sobre todo de esta última especie. Na zona de Rivadiso obsérvanse matas grandes de bidueiros.
A beira do río Ulla, excepcional pola súa vexetación de laurisilva, ten loureiros, acivros, aciñeiras, espiños e tamén as especies anteriores e algunha sobreira.
|